Sunday 28 de April de 2024

O Carné Xove suma 16.000 novos ususarios nas primeiras semanas de activación


― A partir da semana que vén tamén se poderá activar esta tarxeta no Centro sociocomunitario da Coruña e na Residencia Xuvenil Altamar de Vigo

― Coas novas localizacións son 36 os lugares nos que a xuventude galega pode activalo

― O Goberno galego enviou o carné de xeito gratuíto a máis de 400.000 mozas e mozos de 12 a 30 anos, tanto a aqueles que xa o tiñan e así o renovan como os que o reciben por primeira vez

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe que o Carné Xove suma 16.000 novos usuarios nas primeiras tres semanas de activación. Ademais, salientou que na vindeira semana habilitaranse dous novos puntos en Galicia, un na Coruña e outro en Vigo, que permitirán axilizar xestións ás mozas e mozos que reciben a tarxeta nas súas casas totalmente de balde e que deben activala para poder empregala.

Así, o Centro sociocomunitario da Coruña e a Residencia Altamar de Vigo súmanse aos puntos de activación xa habilitados polo territorio galego. Deste xeito, serán 36 os lugares onde as mozas e mozos poderán activar o carné, 12 deles na provincia da Coruña, cinco en Lugo, sete en Ourense e 12 na provincia de Pontevedra. Con estas novas localizacións, o Goberno galego procura axilizar o servizo de activación desta iniciativa, que está a ter un grande éxito entre a mocidade.

Esta tarxeta, vixente desde hai máis de tres décadas en Galicia, é por primeira 100% gratuíta e ilimitada. Isto quere dicir que a Xunta de Galicia está a enviar de oficio o Carné Xove ao domicilio dos 400.000 galegos e galegas de entre 12 e 30 anos sen necesidade de solicitalo, de que paguen ningunha taxa nin tampouco de renovalo, posto que xa non ten data de caducidade como ata o de agora, senón que estará en vigor ata que a persoa cumpra os 31 anos.

Se as mozas e mozos xa tiñan o carné antes de que se lles enviara á casa, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e xa estará listo para utilizar. Aqueles que non tiñan Carné Xove con anterioridade, o que deberán facer é activalo nalgún dos puntos habilitados en toda a Comunidade para completar un número de identificación. Este é o único proceso que necesitarán facer para gozar de todas vantaxes do Carné Xove de xeito ilimitado ata o máximo de idade. É importante sinalar que o prazo para activalo, dun mes, é flexible.